O papel das novas tecnoloxías da información e da comunicación no ámbito escolar é un tema de actualidade que suscita tantos posicionamentos diferentes como maneiras temos de entender os conceptos de ensinar e aprender.
En boa medida, o debate céntrase en aspectos como o número de alumnos por ordenador, a distribución do insuficiente material sen criterio didáctico consensuado e axustado ás necesidades, a elección de software comercial ou libre, a informática como disciplina, a formación do profesorado nesta materia... Non son problemas menores pero creo que non son o problema.
Despois da dotación de medios tecnolóxicos á escola durante os últimos anos, cabe preguntarse si esa informatización está a supoñer unha mellora cualitativa do proceso de ensinanza-aprendizaxe ou simplemente nos quedamos na adquisición de coñecementos e destrezas como usuarios de recursos para seguir facendo case o mesmo que sen eles.
No decreto que regula as ensinanzas da educación secundaria na nosa comunidade fálase da necesidade de que estas tecnoloxías se incorporen como un recurso máis ó proceso de ensino e aprendizaxe para acadar unha competencia dixital que permita dispor de habilidades para buscar, obter e procesar a información para transformala en coñecemento. Con todo, a día de hoxe, bótanse en falta estratexias de coordinación para aproveitar e dar a coñecer os recursos xa existentes, a dotación de ordenadores suficientes en tódalas aulas e unha consideración especial, entre outras moitas cousas, na dotación e acceso a esta ferramenta polos alumnos e alumnas con necesidades específicas de apoio educativo, verdadeiros necesitados de competencia dixital e accesibilidade ós recursos. As tecnoloxías, ademais de aprender a utilizalas, son un instrumento fundamental da nosa práctica educativa que, coa incorporación progresiva de iniciativas pedagóxicas e cambios na metodoloxía, permítennos dar respostas axeitadas ás necesidades culturais dunha diversidade inmersa nun contexto social altamente tecnificado.
Neste sentido estanse a producir interesantes aportacións de moitos profesionais ó traballo de aula, nun intento de rentabilizar a tecnoloxía en beneficio da aprendizaxe, sobre de todo na do alumnado con necesidades educativas específicas. O software educativo e os programas de autor utilizados por moitos de nós para crear actividades "á medida", ofrecen moitas vantaxes como bos presentadores de asociacións e administradores de reforzos, permitíndonos motivar e axustarnos ás súas necesidades de aprendizaxe con tarefas, en especial ás de tipo memorístico, asociativo ou que requiren da práctica repetida para acadar axilidade e automatismos. Mais, si non responden a unha planificación coordinada do conxunto das tarefas, si non se integran no contexto no que se aplican e non interactúan con outros medios, dificilmente crearán melloras substanciais no xeito de procesar a información e na aprendizaxe. Constátase que as novas tecnoloxías empezan a formar parte da práctica educativa cando, despois dunha primeira fase de aprendizaxe do uso básico e de adaptación, chegamos a apropiarmos delas experimentando novas maneiras de traballar didacticamente facendo cousas que sen a tecnoloxía non serían posibles.
Lonxe de insistir na súa dispoñibilidade e o seu potencial, deberiamos incidir nas estratexias didácticas, nos materiais de aprendizaxe, nas capacidades de búsqueda planificada... É inútil seguir machucando certos conceptos dende metodoloxías obsoletas e pouco axustadas á realidade diversa que por obriga escolarizamos. A información e os recursos están na rede. Só temos que manexalos para que nos permitan ofertar materiais máis completos que á súa vez posibiliten achegamentos ós contidos: imaxes, sons, vídeos... fan que os alumnos/as con diferentes ritmos de aprendizaxe se acheguen ós mesmos dunha maneira máis significativa. Precisamos ir máis alá das puntuais, e non sempre ben consideradas, experiencias de aula dun reducido número de profesores/as entusiastas. O ordenador e un medio máis da aula que debe interactuar e convivir con outros medios para permitirmos acadar unha formación integral posibilitadora de novas aprendizaxes e capaz de dar respostas axeitadas ós retos dunha sociedade cada vez máis esixente e competitiva.
De seguro que coa prescritiva elaboración do Plan de integración das novas tecnoloxías e a sensibilidade, compromiso e xestión dos responsables desta materia na Administración e nos centros educativos, seremos quen de escolarizar a informática despois de informatizar a escola. Entre tod@s e en beneficio de tod@s.
Adico esta reflexión os alumnos e alumnas con necesidades especiais de apoio educativo e persoal, para que as novas tecnoloxias non lles supoñan un elemento máis de discriminación na fenda tecnolóxica e se convertan nunha ferramenta capaz de planificar e poñer en práctica as respostas educativas que precisan, tarefa para a que, sen dúdiba, contamos coa sensibilidade e apoio dos responsables desta materia no noso Centro. (Aquí vos deixo algo do que neste sentido estamos a facer na Aula de apoio pola atención á diversidade).
2 comentarios:
Resúltame extraño acabar sabendo do traballo dun compañeiro a través da rede, sonche cousas deste tempo.
Está visto que aínda que moitos non se dean de conta non é o mesmo ter unha aula de informática que levar a alfabetización na información ás aulas.
Parabéns polo post, paréceme interesante e acertado na diagnose.
Pois efectivamente Pilar. Quizais entre as vantaxes da rede estea a de suplir a falla dalgunha xuntanza de coordinación precisa para poñer en valor o traballo de todos/as en beneficio dunha resposta de calidade ás necesidades educativas e persoais da diversidade máis específica, entre outras cousas para que as novas técnoloxías non supoñan para eles/as unha discriminación máis e unha vulneración do seu dereito á igualdade de oportunidades. Gracias. Un saúdo.
Publicar un comentario