27/4/09

Olha que blog Maneiro!

Os nosos amigos de Pequesreboreda (pequesreboreda.wordpress.com) e NUESTRO ENTORNO NOS IDENTIFICA (nuestroentornonosidentifica.blogspot.com) acaban de agasallarnos co premio “OLHA QUE BLOG MANEIRO!, que significa algo así como Mira que blog tan orixinal e creativo. Así que queremos darlle as grazas aos nosos compañeiros por pensar en nós para este premio. Fainos moita ilusión!!!

O premio ten unha serie de normas que hai que seguir:

1. Exhibir a imaxe do premio “Olha que blog Maneiro!”

2. Poñer o nome do blog que cho deu

3. Indicar os teus 10 blog

4. Avisar aos implicados

5. Publicar as regras.

6. Comprobar que os blogs indicados sigan as regras.

En breve, publicaremos os nosos blogs.

8/4/09

San Isidro (versión profe)

A semana pasada, Xaquín e máis eu atrevémonos a acompañar á xentuza (ou xentiña)de 2º á neve.

Alá estabamos o domingo na estación de autobuse cando chegou Secundino (o noso conductor) co autobús cheo de pontevedreses de 1º da ESO, Xan e Xosé Luis (os profes acompañantes) e Carla e Yoli (as nosas monitoras).

Seis horas de bus, con parada na Gudiña a repoñer forzas e en Boñar a recoller a Conde (o noso outro monitor, alias "o Moñañés"), para chegar a Cofiñal, pequeno e nevado pobo a carón de Puebla de Lillo. Alí coñecemos ao resto dos monitores: Zaira (de Cangas tamén) e Abel (un pouco tolo el, e o que máis trasnadas fixo en toda a semana), Despois do reparto de habitacións, a cear.

O luns pola mañá recollemos o material que iamos utilizar toda a semana (botas, esquís, paus e casco). Despois fomos a estación para a nosa primeira clase, pero antes houbo que poñerse as botas de esquí e iso era o máis doloroso, moito peor que as caídas. Cuña para aqui, cuña para alá, acabamos o día mallados.

O martes continuamos coa cuña e a subida en escaleira. Cando practicabamos libremente despois do marabilloso bocata de tódolos días, vai Borre e cae, convertíndose no primeiro lisiado. O pobre quedou sen poder esquiar máis, castigado toda a tarde comigo mentres os demais visitaban o torreón e o museo de Puebla de Lillo, e paseando en muletas a partir de entón.

O mércores seguimos co esquí e, tras engullir o bocata, dereitiños a ducharnos para marchar a León. Tras facer a "cucaracha" e visitar a catedral (moi ben explicada por Max e Xaquín), dúas horas de tempo libre para todos.

O xoves xa case todos xirabamos e eu, coa axuda de Xan e Xosé Luis, alá me fun pola pista azul de Requejines abaixo, caendo cada dous por tres. Pola noite houbo actuación estelar dos diferentes grupos de Pontevedra, Meis, Mosteiro e Cambados, pero a actuación estelar celebrouse no garaxe, onde os nosos monstruíños fixeron unha gran actuación.

E o venres todo rematou. Todos os que quixeron tiráronse Requejines abaixo cos monitores. Cando parecía que Borre sería a nosa única baixa, uníronse Carmela e Laura. Repartiron diplomas e batidos de fresa para todos. Despois de devolver o material, uns engulimos o bocata mentres outros se cambiaban. Con todo ese aroma a humanidade, marchamos para Cangas, parando novamente na Gudiña e deixando a Yoli en Porriño. E para que houbese anécdota final, tiveron que vir os pais da estación ao concello porque a semana santa xa comezara en Cangas.

Aquí van as mellores fotos da semana:



E algunhas máis das paisaxes:



E xa sabedes, todo o que se me esqueceu contar para os comentarios... ou quizais unha entrada (versión alumnos).