27/2/09

Entroido

O venres pasado celebramos o entroido no Carrasco. Mandoulle, non? A cousa estivo moi ben. A xente animouse, as murgas foron de alto nivel e atacaron os puntos febles.



A xente disfrazouse do máis variopinto, pero mandaran as tribus urbánas.



A xente pasouno ben, as da ANPA alimentáronnos ben e a festa non parou ata que soou o timbre.

13/2/09

Saída a Santiago



Que bo é o profe Xaquín que nos levou de excursión a Santiago aos de 2º e 4º da ESO e a Miguel e Álex.

Estivo ben a visita á catedral, ás fermosas rúas de Santiago, ao Museo do Pobo Galego, gracias ás historias que nos contaba Xaquín. Só un pequeno problema... a choiva. Pero como a choiva en Santiago é arte, vimos unha gran obra de arte ese día (e ata a sentimos en nós mesmos).

Claro que haberá quen diga que o mellor foi ir a Área Central, pero sobre gustos non hai nada escrito.

10/2/09

Xornadas deportivas no María Soliño

Aquí chega (máis vale tarde que nunca) a crónica das xornadas deportivas no IES María Soliño. Xa ninguén se acordaría do que pasou aló a finais da primeira avaliación de non ser porque gañamos a case todo (o case por mor da rapaza esa que o segundo día non soltaba o balón de ningún xeito).

En fin, as nosas mozas e mozos deixaron o pabillón moi alto en todos os deportes. Cando chegou a proba cultural, máis do mesmo. Por un axustado medio punto o primeiro día e con máis vantaxe o segundo, os nosos cerebriños amosaron que teñen algo máis ca paxaros na cabeza.

O primeiro día tocoulles aos de 1º e 2º.



O segundo día foron os de 3º e 4º.

8/2/09

Imaxes interactivas: agregar a favoritos.


















Os compañeiros Xosé Antón Vicente, Felo Couto e Fran Macías veñen de obter, na convocatoria de premios a recursos educativos para a sociedade da información, o primeiro posto coa ferramenta de autor "Imaxes interactivas", que facilita a creación de imaxes coa posibilidade de seren enriquecidas con todo tipo de elementos multimedia (sons, texto, imaxes...), de manexo intuitivo e sinxelo e de grande plasticidade para o uso en tódalas áreas de aprendizaxe e co encerado dixital interactivo.

Estes son algúns exemplos citados polos autores e, estes outros que seguen, moito máis sinxelos pero indicativos do seu potencial, fixémolos coa colaboración dos alumnos e alumnas Sara González de 1º B, Moisés Pérez de 1º A, Jessica Pazó de 2ºA e Gonzalo Míguez de 2º B:

Parabéns aos premiados pola súa contribución á metodoloxía posibilitadora da utilización das Tics no proceso de ensinanza-aprendizaxe e o meu agradecemento persoal a Xosé Antón pola súa paciencia e axuda prestada para iniciarnos nesta ferramenta e poder poñela a disposición da formación da nosa diversidade educativa.

1/2/09

Diversidade: o normal é que sexamos diferentes


A atención á Diversidade é un tema que nos preocupa ós docentes e suscita tantos posicionamentos diferentes, diversos, como maneiras temos de entender os conceptos de ensinar e aprender. A actual lexislación educativa establece que a educación obrigatoria organízase de acordo cos principios de educación común e de atención á diversidade do alumnado. Esta atención a diversidade deberá rexerse polos principios de normalización e inclusión escolar e social, igualdade de oportunidades e non discriminación.. Concíbese, xa que logo, a atención á diversidade como o conxunto de medidas e accións deseñadas coa finalidade de adecuar a resposta educativa ás diferentes características, capacidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións e intereses, situacións sociais e culturais de todo o alumnado.
Entendo que se todo o alumnado precisa da atención á súa diversidade, máis aínda aquel que polas súas características, derivadas de discapacidade ou trastornos de conduta, altas capacidades e/ou incorporación tardía ao noso sistema educativo, require de determinados apoios e atencións educativas específicas. Pero de ningún modo se entende que eles son, en exclusiva, a diversidade referida, como parece deducirse de algún contexto administrativo, editorial ou de centro.
Considero que a diversidade é inherente á escola obrigatoria e o punto de partida da acción educativa. A atención que a escola lle preste constitúe o seu mellor indicador de calidade, sendo unha obriga do conxunto de profesoras e profesores do centro, a súa implicación e resposta de acordo coas medidas, criterios, fórmulas de participación, coordinación, avaliación e transferencia de experiencias recollidos no proxecto educativo do centro.
A evolución dos tempos e da sociedade achega ás nosas aulas rapaces cun alto grao de heteroxeneidade que dificulta o desenvolvemento dun proceso de ensinanza e aprendizaxe común capaz de dar axeitada resposta ás súas necesidades de formación. As situacións persoais, sociais e familiares condicionan en maior ou menor media, o rendemento e aproveitamento escolares, razón pola que o noso Centro puxo en marcha unha ampla serie de medidas de atención para tentar paliar e compensar estas desigualdades axustando a nosa intervención ás súas necesidades.
A atención que dende a aula de apoio e recursos educativos lle estamos a dar á diversidade con necesidade específica de apoios educativos baséase, en grande medida, nunha metodoloxía de traballo centrada nas novas tecnoloxías, por aumentar as posibilidades didácticas e acadar maior participación nun ensino máis personalizado e colaborativo. Conscientes das vantaxes que para o traballo con este alumnado supoñen estas tecnoloxías, vimos recollendo e utilizando dende hai algún tempo unha serie de ferramentas de autor e recursos web que nos permiten aprender facendo e que damos a coñecer por si foran de utilidade para o desenvolvemento doutras medidas.


* Recursos para diversidade educativa
* Actividades e Recursos educativos
* Wiki de recursos educativos
* Compendio de recursos web 2.0

Creo que calquera tempo educativo pasado foi peor e que, apesares de que a meirande parte dos problemas escolares que vivimos nas aulas son alleos á escola, non podemos fracasar na tarefa de limar as desigualdades de partida e espertar en cada un dos nosos rapaces e rapazas as súas mellores facultades. O reto consiste en ser quen de ofertar a cada un a axuda que precisa, axustando a intervención educativa á individualidade e definindo a función e coordinación de tódolos profesionais necesarios para acadar unha resposta educativa de calidade ás necesidades de formación; é unha responsabilidade non só profesional, senón ética.
Oxalá que o novo Decreto polo que se regula a atención á Diversidade do noso alumnado sexa quen de levar a práctica esta teoría e nos dote dos recursos, formación e asesoramento necesarios para elo, sen que os criterios de rentabilidade económica primen sobre os pedagóxicos e de xustiza social.



Enlaces de interese: