1/12/09

Innovación lingüística ...e metodolóxica


O noso Centro está a desenvolver un Proxecto de Innovación en Normalización Lingüística: "Traballando nas factorías baleeira e conserveira de Cangas: unha visión épica", co que a comunidade educativa do IES Monte Carrasco quere contribuír á recuperación do uso normalizado da nosa lingua, da lingua de Galicia, a través de actividades atractivas para o alumnado e mediante as cales se convertan en axentes competentes no uso do galego, tanto oral como escrito, en contextos formais e informais. Iniciativas coma ela parécenme de interese, non só pola necesidade dos seus obxectivos, senón pola oportunidade que brinda a tódolos Departamentos de participar integrando as novas tecnoloxías nos seus currículos, cos conseguintes beneficios para o proceso de ensino-aprendizaxe: incremento do interese do alumnado polas materias, maior comprensión, afianzamento e respecto polos ritmos da aprendizaxe... Dende a convicción dos beneficios da integración das TIC no labor docente, o proxecto é unha boa ocasión para introducilas nas aulas dun xeito integrado, coma un elemento máis da docencia ordinaria, tomando coma referente o noso Plan para a incorporación das TIC no proceso educativo. Xa sabemos que as novas tecnoloxías non son a panacea do sistema e que unha xiz nas mans dun mestre pode abrir as mentes e os corazóns, e unha Pdi nas mans doutro pode non abrir máis cás bocas... de aburrimento, pero este proceso integrador é necesario e vese, en boa medida, impulsado ou estancado en función do coñecemento, interese e convencemento dos beneficios das Tic educativas que teñamos todos e, en especial, os equipos directivos, pola súa contribución nun ou noutro senso. No noso caso penso que se dan as condicións óptimas para sermos un Centro punteiro e especializado na aplicación dunha metodoloxía e dun proceso de ensino e aprendizaxe baseado na integración das novas tecnoloxías para o desenvolvemento das habilidades e competencias do noso alumnado. A habilitación dun espazo de coordinación Tic, ben na nosa Web ou nun blog, serviríanos coma canle de comunicación entre o profesorado, proporcionando información sobre as TIC, formación a través de enlaces a cursos en liña, titoriais e manuais de utilización de hardware e de software, recursos educativos á nosa disposición en internet, resolución de dúbidas, recollida de iniciativas... Estamos a traballar nesta dirección e penso que o carácter interdisciplinar da temática do Proxecto danos a oportunidade de participar poñendo tamén en xogo as Tic para a consecución dos seus obxectivos.
Parabéns as compañeiras do Departamento de Lingua e Literatura galegas, Pilar e Rosa, pola súa iniciativa, pola súa “visión épica” e polo seu Escunchadeiro da Lingua ...e das metodoloxías.

No hay comentarios: