27/4/10

Viaxe a Xinzo 26 de abril

Onte,26 de abril,o alumnado do grupo de "relacións exteriores" do IES Monte Carrasco devolvemos a visita aos compañeiros do IES Lagoa de Antela de Xinzo.

A verdade que foi unha xornada moi intensa, xa que dende que chegamos ás 10h30 non paramos ni un minuto. Descubrimos unha terra chea de lendas: Río do esquemento, a cidade de Antioquía,os subterráneos entre as torres.

Fomos a Lodoselo ao CDR O Viso onde aprendemos a amasar e a facer o pan, despois estivemos practicando xogos populares(os zancos,a ra...) e fixemos un xogo de orientación , pola tarde xa, estivemos en Sandiás no museo da Lagoa de Antela, onde soubemos como se fixo o recheo e coñecemos toda a flora e fauna da zona.

Visitamos a vila de Xinzo, e entre abrazos e lágrimas tivemos que voltar a Cangas.
Moitas grazas por todo foi un día que gardaremos con moi bo recordo.
Esperamos que o ano que ven poidamos emprender outro proxecto xuntos.



Se queredes ver a páxina do Blog do Endl, pinchade:

Fotos dos amigos de Xinzo:

25/4/10

O Rap do libro

Mirade que descubrín navegando por internet:

A Rubalcaba gústalle "A praia dos afogados" de Domingo Villar

Aínda non liches A praia dos afogados? Unha historia de suspense nas Rías Baixas que engancha... Ata o ministro se deixou seducir polo inspector Leo Caldas.

24/4/10

Día do libro no IES Monte Carrasco




Onte 23 de abril, día do libro, estivo o escritor Xosé Vázquez Pintor no instituto facendo un obradoiro literario para o alumnado de 2º e 4º ESO. Ademais presentounos o seu último libro "A folla seca" que ten uns preciosos debuxos de María Sánchez Lires.

Explicoulle ao alumnado que "a literatura se nutre das experiencias da vida e que un autor non pon as palabras de forma casual, por exemplo, cando aparece o número 7 no conto fai referencia ás antigas sete capitais galegas", tamén nos explicou que "os fonosimbolismos que utiliza son para suxerir sensacións e emocións: o bico da boca do vento."

Tróuxonos de agasallo unhas ramas de buxo, árbore que fai referencia á esencia galega, ás pezas da gaita, aos paos das palilleiras, á resistencia, á música. A verdade é que sería unha boa idea dar como agasallo o día do libro unha poliña de buxo.

A TVG no IES MONTE CARRASCO

O mércores estiveron os do programa de "BEN FALADO" da galega gravando o noso alumnado coas súas avoas nos arredores da fábrica de Massó. Comentaron a súa experiencia na investigación que están levando a cabo na súa materia de PRIN (Proxecto Interdisciplinar de 1ºESO) que versa sobre os traballos da factoría baleeira e conserveira en Cangas. Centrándose no aspecto léxico, fixeron referencia a palabras como "velar", "chopes", "traballar ao marraxo", "trochar", "escunchar"..... e mesmo explicaron o significado do topónimo "Punta Balea". Foi unha experiencia moi interesante para todos. Esperamos ver en breve o programa.



23/4/10

Nova ferramenta tecnolóxica

15/4/10

Ensaios de Teatro

O grupo de teatro do IES Monte Carrasco segue cos seus ensaios. Onte fixemos as primeiras lecturas da obra que imos representar.






Despois de recibir a carta do alumnado do CEIP de SAN ROQUE e de ler os contos que nós mandaron, decidímonos por "O león que non sabía escribir"



11/4/10

Pegadas de Cangas

O alumnado do ENDL de Xinzo non se esquece de nós.

Revista No Límite.

11/3/10

K M DIS CORASON?

O alumnado do IES Monte Carrasco participou en : K m dis corason? Aí vai unha selección das mensaxes de amor.

9/3/10

Encontro con Xinzo de Limia

O mércores da semana pasada, 3 de marzo, recibimos a visita dos compañeiros do IES "Lagoa de Antela" de Xinzo de Limia. Dous profes e 24 alumnos chegaron dende terras do Limia para coñecer o Morrazo. Comezaron a xornada no Museo Massó de Bueu, onde se achegaron ao mundo da pesca e da conserva, así como a caza da balea. Logo, xa co alumnado do noso centro, visitamos o Cruceiro de Hío e a Costa da Vela; pese ao orballo, tecemos unha rede de amizade que nos levará o 26 de abril a devolverlles a visita aos nosos amigos de Xinzo.
O xantar tivo que facerse no ximnasio do instituto, pois a choiva non nos permitíu estar no Balcón do Rei; pero despois de comer xa saíu o sol e puidemos admirar as vistas dende o mirador e ir ata o centro urbano de Cangas, para que os nosos rapaces fixesen de guías pola súa vila.
E xa chegou a despedida no peirao, na travesía pola ría; un ata logo, ata o 26 de abril.

Aí van as fotos


Máis no blog do ENDL do IES Lagoa de Antela de Xinzo.

3/3/10

Diversidade




Nas diferenzas hai grandes posibilidades de aprendizaxe.

A Diversidade é a suma de tódalas nosas diferenzas. O seu respecto e atención é unha competencia de todas e todos.

Parabéns ás Asociacións Ámbar (Barbanza) e ADIS Vega Baja (Orihuela) polo seu traballo, e obrigada reflexión, a prol da atención á Diversidade funcional.

25/2/10

Entroido


Este ano o entroido estivo xenial. Pasámolo moi ben, a ANPA coidounos moito e profes e alumnos se animaron cos disfraces. Como guinda á filloa, o testamento que nos deixaron os de 4º é digno de lembrar por anos.






18/2/10

Recursos educativos


Tendo en conta a importancia que as novas tecnoloxías están a ter no deseño dun proceso de ensino e aprendizaxe o suficientemente variado e flexible como para dar axeitada resposta ás necesidades de formación do noso alumnado, o Departamento de Orientación do Centro está a elaborar unha páxina de Recursos educativos na que, coa colaboración do todos, pretendemos poñer a disposición da nosa comunidade educativa, unha serie de ferramentas baseadas nas novas tecnoloxías que sirvan de axuda na realización de estudos e tarefas. O listado está aberto a tódalas aportacións que queirades facermos chegar, ben solicitando recursos que necesitedes ou dando a coñecer outros que poidan ser de interese colectivo.

8/2/10

Entroido namorado

Este ano cáenos todo xunto, entroido e día dos namorados, pero o ENDL pode con todo.

Baixo o tema común das películas, o Carrasco disponse a celebrar o entroido por todo o alto o venres despois do recreo.


E para que non morra o amor, este ano mantemos a faísca prendida cun pouco de TIC.



21/12/09

Bo nadal a todos


O IES Monte Carrasco felicítavos as festas coas postais dos nosos alumnos. A gañadora é a postal de Carmela Carrillo (3ºA).

2/12/09

Día mundial contra a violencia de xénero

A semana pasada conmemorouse no Monte Carrasco o 25 de novembro, día mundial contra a violencia de xénero.

Entre outras actividades, os alumnos de 1º da ESO fixéronse siluetas de muller coas víctimas neste ano.

O alumnado de 2º da ESO trouxo zapatos para simbolizar a terrible realidade que nos acompaña día a día.

1/12/09

Innovación lingüística ...e metodolóxica


O noso Centro está a desenvolver un Proxecto de Innovación en Normalización Lingüística: "Traballando nas factorías baleeira e conserveira de Cangas: unha visión épica", co que a comunidade educativa do IES Monte Carrasco quere contribuír á recuperación do uso normalizado da nosa lingua, da lingua de Galicia, a través de actividades atractivas para o alumnado e mediante as cales se convertan en axentes competentes no uso do galego, tanto oral como escrito, en contextos formais e informais. Iniciativas coma ela parécenme de interese, non só pola necesidade dos seus obxectivos, senón pola oportunidade que brinda a tódolos Departamentos de participar integrando as novas tecnoloxías nos seus currículos, cos conseguintes beneficios para o proceso de ensino-aprendizaxe: incremento do interese do alumnado polas materias, maior comprensión, afianzamento e respecto polos ritmos da aprendizaxe... Dende a convicción dos beneficios da integración das TIC no labor docente, o proxecto é unha boa ocasión para introducilas nas aulas dun xeito integrado, coma un elemento máis da docencia ordinaria, tomando coma referente o noso Plan para a incorporación das TIC no proceso educativo. Xa sabemos que as novas tecnoloxías non son a panacea do sistema e que unha xiz nas mans dun mestre pode abrir as mentes e os corazóns, e unha Pdi nas mans doutro pode non abrir máis cás bocas... de aburrimento, pero este proceso integrador é necesario e vese, en boa medida, impulsado ou estancado en función do coñecemento, interese e convencemento dos beneficios das Tic educativas que teñamos todos e, en especial, os equipos directivos, pola súa contribución nun ou noutro senso. No noso caso penso que se dan as condicións óptimas para sermos un Centro punteiro e especializado na aplicación dunha metodoloxía e dun proceso de ensino e aprendizaxe baseado na integración das novas tecnoloxías para o desenvolvemento das habilidades e competencias do noso alumnado. A habilitación dun espazo de coordinación Tic, ben na nosa Web ou nun blog, serviríanos coma canle de comunicación entre o profesorado, proporcionando información sobre as TIC, formación a través de enlaces a cursos en liña, titoriais e manuais de utilización de hardware e de software, recursos educativos á nosa disposición en internet, resolución de dúbidas, recollida de iniciativas... Estamos a traballar nesta dirección e penso que o carácter interdisciplinar da temática do Proxecto danos a oportunidade de participar poñendo tamén en xogo as Tic para a consecución dos seus obxectivos.
Parabéns as compañeiras do Departamento de Lingua e Literatura galegas, Pilar e Rosa, pola súa iniciativa, pola súa “visión épica” e polo seu Escunchadeiro da Lingua ...e das metodoloxías.

19/11/09

Á PROCURA DA PERSONAXE MISTERIOSA


QUERES PARTICIPAR NO NOSO CONCURSO?
QUERES OPTAR A UN PREMIO?
PASA POLA BIBLIOTECA A PARTIR DO LUNS
PARA CONSEGUIR AS PREGUNTAS!!!
ENDL

18/11/09

Magosto no Carrasco

O venres 13 celebramos o magosto no Carrasco. A festa comezou despois do recreo, aínda que a ANPA xa estaba traballando ben cedo para agasallarnos cunhas deliciosas castañas asadas. Os de 4º montaron a cafetería fóra, sempre atentos a recadar cartos para a excursión. Entregáronse os premios dos concursos do outono e botamos unhas risas cos xogos tradicionais. Namentres, Samu agasallounos cunhas pezas de gaita, sen esquecer o himno nacional "Alfonso da herba". Quedou claro quen son os máis fortes do instituto no tiro da corda e, despois de moito insistir, os de 4º conseguiron que ter o seu partido de fútbol contra unha selección de profes e ANPA (victoria dos alumnos por un pobre 1-0). E non deixamos de rir nin de xogar nin de pasalo ben todos xuntos: alumnos, nais e pais, profes... Aí tedes as fotos para probalo.


12/11/09

Misterio

9/11/09

Xoves emprendedores


O martes 3 de novembro os alumnos de Iniciativas Emprendedoras asistimos, no Pazo de Congresos de Pontevedra, a unha Xornada de Orientación e Sensibilización sobre o Espirito Emprendedor na Escola. Alí coincidimos con alumnos de outros centros da nosa provincia (a maioria deles era alumnos de ciclos formativos).

A primeira intervención correspondeulle a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Pontevedra que nos falou das funcións de esta corporación. Despóis tocoulle o turno a unha asesora de novas empresas que tiñan en común a súa existencia no mundo virtual: había todo tipo de empresas, moitas delas tiñan en común que as ideas eran orixinais e o seus produtos personalizados. Finalmente foi un xove emprendedor saído do viveiro da Cámara de Comercio de Pontevedra que nos expuso paso a paso o proceso de creación da súa empresa.

A miña opinión persoal é que esta saída foime útil, porque agora sei todo o que teño que facer e en que fixarme antes de montar unha nova empresa, ante todo sempre unha boa idea cunha boa iniciativa.

Estefanía Lagoa Rodríguez

4/11/09

Magosto 2009